O Dereito Deportivo
Por qué o Dereito deportivo?
Que é o Dereito deportivo?
Como o seu nome indica, o Dereito deportivo é aquela póla do dereito que se adica a regular as relacións entre os distintos entes e persoas que forman parte do campo do deporte. Dentro do dereito deportivo podemos atopar moitas partes: os regulamentos dos distintos torneos, as relacións laborais dos distintos clubes cos seus deportistas, os estatutos das entidades ou a repartición dos dereitos de emisión dos eventos formarían parte desta póla do Dereito.
Como está estruturado?
Neste senso podemos destacar tres partes distintas que conforman practicamente a totalidade do dereito deportivo: os axentes, os departamentos legais dos clubes e os equipos legais das organizacións deportivas oficiais.
Axentes: Nos últimos tempos a figura do axente particular quedou relegada a un segundo plano coa irrupción das axencias de representación. Isto provoca un gran debate, xa que moitas destas axencias controlan tantos xogadores que teñen máis poder que os equipos, puidendo provocar, nas ocasións nas que os intereses de equipo e axencia non estean aliñados, conflitos que poden chegar mesmo a instancias xudiciais. En moitas ocasións estas axencias non velan máis que polos seus intereses económicos, deixando ás carreiras profesionais dos seus representados nun segundo plano.
Departamentos legais das entidades deportivas: Hoxe en día, ningunha entidade de elite pode pasar sen ter á súa disposición un equipo de avogados preparado para os distintos asuntos que se poidan presentar no seu camiño. Moitos clubes teñen externalizado os seus servizos legais, en beneficio de distintos bufetes, asesorías e despachos. Outros teñen en nómina os seus propios avogados e responsables de recursos humanos.
Equipos legais das organizacións oficiais: Dentro das organizacións oficiais (federacións, ligas, organizadores de torneos...) adoita haber equipos especializados en dereito para redactar as condicións e as bases legais dos distintos torneos, realizar a xestión dos dereitos televisivos ou defender os seus intereses fronte posibles agresións externas.
Como adicarse ao Dereito deportivo
Para adicarse ao Dereito deportivo precísase esencialmente a carreira de Dereito ou a de Relacións Laborais. Despois de realizar algún destes dous graos é posible adicarse a este campo sen restricións. Porén, pódense realizar cursos de mestrado en Dereito deportivo, de forma que a formación sobre este tema sexa o máis completa e adecuada á realidade que se poida.

Comentarios
Publicar un comentario