Condicións laborais e convenios dos deportistas
Podemos empezar explicando o que é un convenio laboral. Esta figura legal é un acordo entre os empregadores (normalmente empresas e autónomos) e os empregados. Neste acordo recóllense as condicións mínimas que o empregador ten que asumir para crear un contrato válido no sector no que estea formulado o convenio.
Practicamente todos os sectores laborais posúen un convenio, e como tal, o gremio dos futbolistas e demais deportistas profesionais do noso país tamén teñen o seu. Como veremos, existen diferencias notables entre os convenios laborais dos deportistas e o dos empregados en sectores coma a hostelaría ou a industria. Tampouco se aplican os mesmos criterios de negociación cando se comparan os convenios de deportes distintos, reflectindo estes en moitos caso as diferenzas de popularidade e poder económico entre as distintas prácticas deportivas.
Salario mínimo
Tralas últimas modificacións, o salario mínimo interprofesional (SMI) en España sitúase en catorce pagas de 900 euros, e en moitos sectores, como na hostelaría ou a limpeza, correspóndese co mínimo fixado nos convenios laborais. Porén, hai unha elite de traballadores cunhas remuneracións mínimas estipuladas moito máis altas. Un exemplo serían os controladores aéreos, e outro, o que nos ocupa, serían os deportistas de elite.
Todos sabemos que os deportistas de alto nivel adoitan ter bos salarios, porén poucos saben que as súas remuneracións mínimas están moi por enriba daquelas que se aplican ao resto dos traballadores. Para un futbolista da primeira división non pode ser fixado un salario menor a 6.500€ mensuais, sete veces maior ao salario mínimo interprofesional. Así mesmo tamén podemos atopar o caso dos ciclistas: un ciclista profesional que milite nas filas dun equipo de primeiro nivel non poderá percibir menos de 33.000€ anuais, que, repartidos en 14 pagas dá un aproximado de 2350€; case o triplo que o SMI.
Malia esta situación privilexiada, existen moitos e sobre todo moitas deportistas profesionais que non reciben unha retribución xusta, xa que os convenios non teñen que crearse para todas as prácticas deportivas, se non que son simples engadidos que aportan estabilidade ás negociacións dos contratos laborais. Como son accesorios e para entraren en vigor precisan dun acordo entre a meirande parte dos empregadores e dos empregados adoita ser complicado realizalos, provocando que en ligas como a Liga Iberdrola haxa xogadoras que non cobran un soldo que lles permita vivir só do fútbol, mentres que compañeiras doutros equipos poden chegar a cobrar trinta veces máis.
Condicións laborais
A nosa lexislación garante que os traballadores teñen dereito a 30 días anuais de vacacións remuneradas, e algúns convenios recoñecen mesmo máis días libres ao ano. Pois ben, os deportistas de elite non só dispoñen de maior tempo de vacacións ca un traballador normal, se non que por exemplo, nalgúns casos, as datas do Nadal están blindadas.
Reflexión final
Cando estás especializado nun campo os emonumentos adoitan ser elevados. Este é o caso dos deportistas. Porén, as condicións económicas e laborais dependen fortemente da popularidade dos seus respectivos deportes, e dos cartos que poidan mover as entidades que manexan as competicións. Isto supón que os futbolistas sexan os deportistas mellor pagados en España, mentres que é complicado atopar xogadores de voleibol que xoguen na máxima categoría e perciban un salario do que poidan vivir. A través de sucesivas folgas e protestas, os deportistas dos deportes máis populares conseguiron mellorar incriblemente as súas vantaxes laborais, xa que ao non seren empregados substituíbles teñen moita máis forza negociadora fronte os clubes ca maioría de colectivos e sindicatos.
No futuro deberíanse adicar todos os esforzos posibles á loita contra a desigualdade de xénero, moito máis pronunciada no eido deportivo que na meirande parte de profesións. Sen dúbida hai que dotar ás mulleres deportistas de ferramentas que permitan eliminar a fenda de xénero, e sobre todo, que lles permita dedicarse laboralmente en exclusiva á práctica deportiva, redundando isto nunha sociedade máis xusta e nun deporte de moita maior calidade, e pondo fin á emigración forzosa que teñen que levar a cabo as nosas mellores deportistas para xogaren ao seu maior nivel.

Comentarios
Publicar un comentario